luns, 23 de setembro de 2013

Información Chándales

Como xa vos informabamos na circular enviada o pasado venres (ver) durante estes días estamos recollendo no local da ANPA nas quendas habituais as solicitudes tanto para o chándal completo como para cada unha das partes do mesmo. É moi importante facer o pedido conxunto, así que tedes ata o vindeiro mércores 25 de setembro para facérnolas chegar!

Unha vez recibamos os chándales da empresa suministradora, informarémosvos de como facer o pago e de como recoller as prendas!

sábado, 21 de setembro de 2013

Visita de Suso Vaamonde

Onte os nenos e nenas de primaria do noso cole tiveron a fortuna de disfrutar da compaña de Suso Vaamonde, director da Escola de Instrumentos Musicais de Cuntis  que lles interpretou en directo distintas pezas usando intrumentos clásicos da música tradicional galega: gaita, zanfoña, tarrañolas, pandeireta...

Podedes ver as fotos que colgaron na páxina web do cole premendo na fotografía!



martes, 17 de setembro de 2013

Xuntanza Informativa


Mañá mércores 18 de setembro ás 20:30 horas están convocados a unha xuntanza coa Xunta Directiva da ANPA aos pais e nais dos nenos e nenas de 3 anos que comezan a súa andaina escolar no CEIP Manuel Villar Paramá.  

O noso obxectivo é presentarnos e que os papás coñezan de primeira man como traballamos, e como participar e beneficiarse dos labores da Asociación.


Agardámosvos!

luns, 16 de setembro de 2013

Actividade extraescolar: Piscina


Como todos os anos desde a ANPA estamos traballando para ofertar aos socios unha serie de actividades extraescolares de cara este curso recén estreado. Se ben ao longo da semana iremos informando, por cuestión de prazos vémonos na obriga de informarvos xa sobre a actividade de piscina.


Neste curso, a empresa que dirixe a piscina climatizada da Estrada ofrécenos un total de 20 prazas (10 de iniciación e 10 de perfeccionamento). A clase sería os luns de 17:15 a 18:00 horas e o prezo por trimestre de 33'20 €. Poden anotarse todos os nenos e nenas nacidos antes do 30 de xuño de 2008, é dicir, aqueles que cumpran os 6 anos antes do remate do curso escolar.  Se vos interesa dádevos présa porque o prazo de matrícula na Piscina é do 18 ao 24 de setembro.

A reserva de praza realizarase no local da ANPA nas quendas indicadas na comunicación anterior (de luns a venres de 9:00 a 9:30 horas e os martes pola tarde de 16:00 a 17:00) por rigurosa orde de anotación. De todos os xeitos, lembrade que PARA PODER ANOTARSE ÁS ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES É OBRIGATORIO SER SOCIO DA ANPA E ESTAR AO CORRENTE DE PAGO DA COTA ANUAL.



sábado, 14 de setembro de 2013

Reequilibrio do alumnado

A finais do curso pasado a nosa ANPA xunto coas respectivas dos colexios do Foxo, Codeseda e Oca presentamos un escrito ante o Xefe Territorial da Consellería de Educación en Pontevedra na que se solicitaba unha reorganización da adscrición territorial do alumnado que conlevaría o reequilibrio do alumnado de todos os CEIP estradenses.

Se ben aínda non recibimos resposta oficial á nosa solicitude, os xornais xa se fan eco desta petición indicando a dispoñibilidade da Xunta de Galicia a valorar a proposta.


Podedes ver a nova publicada na Voz de Galicia premendo na imaxe

venres, 13 de setembro de 2013

Circular de benvida ás familias

Hoxe 13 de setembro recibiredes nos vosos domicilios unha circular na que, ademais de presentarse a nova xunta directiva, infórmase dos proxectos e actividades que temos en mente desenvolver ao longo do curso: carné de socio, banco de libros, actividades extraescolares... 
Ademais, incluímos unha folla anexa na que se especifican os establecementos comerciais que colaboran coa ANPA ofrecendo descontos e promocións aos socios.
Podes ver a comunicación, premendo aquí.

Así será o carné de socio da ANPA

Por último, lembrade que haberá quendas dos membros da xunta directiva ata o 11 de outubro para que poidades pagar persoalmente a cota, apuntarvos ás actividades ou aclarar calquera dúbida que vos xorda.

Ditas quendas serán no local da ANPA de luns a venres de 9:00 a 9:30  e os martes de 16:00 a 17:00 horas.

Son 15 euros ao ano que para @s nos@s fill@s supoñen moito.
FAITE SOCIO!

mércores, 11 de setembro de 2013

Benvid@s ao curso 2013/2014


Un ano máis as aulas co cole abríronse de par en par para recibir aos nosos nenos e nenas. Despois das merecidas vacacións de verán, chega a hora de volver á rutina diaria e enfrontarse ao novo curso con toda a enerxía! Agárdannos meses de tarefas, actividades e moita diversión!

Desde aquí queremoslle dar a benvida especialmente aos nenos e nenas que se incorporan ao noso cole e aos seus pais e nais, animándoos a participar e colaborar nas distintas actividades organizadas pola ANPA. Nos vindeiros días farémosvos chegar toda a información!!

Polo de pronto e, por se hai algún despistad@, deixámosvos as seguintes ligazóns coa información que os titores e titoras vos foron dando durante estes días:

luns, 9 de setembro de 2013

Axudas ao Estudo do Concello de A Estrada


O Departamento de Servizos Sociais do Concello de A Estrada acaba de poñer en marcha o programa de axudas ao estudo para o curso escolar 2013/2014.



Establécense dos tipos de axudas:
  1. Axudas para libros e material escolar necesario para o alumnado da 2ª etapa de Educación Infantil cun máximo de 90 € por alumn@.
  2. Axudas para o pago do comedor escolar, destinadas a familias que teñen ao seu cargo menores que cursan infantil ou primaria.
As bases da convocatoria, así como o impreso da solicitude,  están á disposición dos pais e nais no taboleiro do centro ou pódense consultar e descargar nas seguintes ligazóns:

O PRAZO DE SOLICITUDE REMATA O VINDEIRO 23 DE SETEMBRO

Ola a tod@s!

Benvidos ao blogue da ANPA Outeiro de Vea do CEIP Manuel Villar Paramá.


Agardamos que este novo vehículo de comunicación coas familias sexa de utilidade para todos vós e permita mantervos informados non só de todas as actividades, proxectos ou iniciativas levadas a cabo desde a ANPA, senón de todos aqueles aspectos que, dunha maneira ou doutra, estean relacionados co funcionamento do noso
cole.

Por suposto, queremos pedirvos a vosa colaboración para convertir este espazo nun lugar dinámico e produtivo polo ben dos nosos fillos e fillas.