venres, 18 de decembro de 2015

Chocolatada de Nadal!

Un ano máis, a ANPA quixo convidar a todo o alumnado e profesorado do colexio a un reconfortante chocolatiño quente coas súas respectivas rosquiñas para "mollar". FOTOS



Esta foi a doce maneira de despedir o trimestre e, de paso, desexarlles a todos unhas boas FESTAS! Vémonos no 2016!


martes, 24 de novembro de 2015

Charla e Exposición sobre o liño

Durante estes días temos a posibilidade de visitar no colexio unha exposición sobre o liño e todo o que rodea o seu proceso de transformación. Ademais desta mostra, cedida pola Asociación Cultural Tamparrantán, o alumnado tivo a posibilidade de asistir á unha charla explicativa desenvolvida por Manuel Rodríguez.


Podedes acceder a todas as imaxes desta actividade organizada conxuntamente polo centro e a ANPA premendo AQUÍ.

mércores, 30 de setembro de 2015

Actividades Extraescolares 2015/2016

Finalmente, serán tres as actividades extraescolares coordinadas pola ANPA que se desenvolverán para este curso 2015/2016:

LUNS  Natación

  • Piscina da Ramallosa  1ª Quenda  16:15/17:00     2ª Quenda  17:45/18:30
  • Pîscina da Estrada   17:15 / 18:00
MÉRCORES  Judo
  • Terá lugar no salón de usos múltiples do colexio de 16:00 a 17:00.

XOVES  Fútbol
  • Terá lugar no pavillón do colexio de 16:00 a 17:30.

           
Aproveitamos para informar aos pais e nais dos nenos e nenas que acoden a judo e a fútbol, actividades que se desenvolven no recinto escolar, que  os proxenitores deberán agardar á chegada do monitor da actividade acompañando aos menores así como recollelos puntualmente ao remate da actividade.

Ante posibles eventualidades como o retraso do monitor, os nenos e nenas non poden quedar sós no recinto escolar sen a vixianza dun adulto. Sempre que sexa posible, os membros da xunta directiva da ANPA colaborarán nesta tarefa, pero é responsabilidade dos pais e nais asegurarse de que os seus fillos e fillas están baixo a custodia do monitor da actividade. 

venres, 18 de setembro de 2015

Proposta de actividades Extraescolares


Como vos indicamos na circular enviada hoxe, xa temos a proposta de actividades extraescolares para este novo curso 2015/2016. Tedes ata o vindeiro mércores 23 de setembro para facernos saber os vosos intereses e peticións co fin de confirmalas canto antes.

Esta á a proposta coas datas, prezos e lugares de celebración das actividades:


LUNS  Natación      (CONFIRMADA)

  • Piscina da Ramallosa  1ª Quenda  16:15 - 17:00    2ª Quenda  17:45 - 18:30
  • Piscina da Estrada   17:15 - 18:00


MARTES  Manualidades   Prezo 18 €/mensuais

  • Local da ANPA   16:00 a 17:00


MÉRCORES    Judo   Prezo 15 €/mensuais

  • Aula usos múltiples do colexio   de  16:00 a 17:00


MÉRCORES    Informática   Prezo 18 €/mensuais

  • Aula informática do colexio   de  16:00 a 17:00


XOVES   Inglés - Inmersión lingüística    Prezo 18 €/mensuais

  • Local da ANPA   de  16:00 a 17:00 ou de  17:00 a 18:00  (por grupos de idade)


XOVES   Fútbol     Prezo  12€/mensuais

  • Pavillón do colexio  de 16:00 a 17:30 

xoves, 17 de setembro de 2015

Chándales


Un ano máis a ANPA será a encargada de xestionar o pedido dos chándales do colexio para este curso. Xa sabedes que é importante que os nenos e nenas conten con esta prenda xa que, ademais de usala en educación física, o colexio solicita que a leven posta cando fan algunha saída didáctica co fin de facilitarlle o traballo de recoñecemento do alumnado.


Podedes pasar polo local da ANPA nos horarios habituais para verificar as tallas dos vos@s nen@s ata o vindeiro mércores. Lembrade que as chaquetas, unha vez pedidas, non se poden cambiar.



venres, 11 de setembro de 2015

Benvidos ao curso 2015/2016


As aulas da nosa escola volven abrir as súas portas, empeza un curso novo, outra etapa,  chea de retos, e a directiva da Anpa quere lembrarvos que estamos aquí para acompañarvos neste camiño emocionante das vidas dos nosos pequenos e pequenas.

Imaxe das obras realizadas este verán
e financiadas polo Concello da Estrada
Este ano empezamos con parabéns para todos e todas. Grazas á unión e ao traballo conxunto de toda a comunidade educativa, por fin o alumnado pode pasar dun edificio ao outro sen mollarse cando chove. Despois dun proceso longo, xa hai tellado no acceso que comunica os dous espazos, unha vella reivindicación desta escola, e particularmente desta Anpa. Así que inauguramos curso académico coa satisfacción de ver cumprida unha das peticións históricas do centro.


Tamén queremos comunicarvos que segue en funcionamento o noso Banco de Libros. Propoñémosvos que continuedes colaborando na xestión deste intercambio, que tantas familias leva beneficiado no tempo que leva en marcha esta iniciativa. Falamos de vantaxes económicas, por suposto, pero tamén de vantaxes educativas e de concienciación para os cativos, da lección que compartimos con eles sobre a necesidade de coidar o material, de ser responsables coas súas cousas, e do importante que é saber compartir o que se ten, de ser xeneroso cos demais. A solidariedade como materia extra-curricular.


Ademais, a Anpa seguirá organizando actividades extraescolares. En poucos días irémosvos consultando sobre as vosas preferencias, e informarémosvos de prezos e horarios. Por suposto, continuaremos colaborando nos festexos escolares nos que as familias teñamos cabida.

Que teñades todos e todas un curso marabilloso!

xoves, 4 de xuño de 2015

JUDOLAND 2015

Por primeira vez desde que o judo forma parte das actividades extraescolares xestionadas pola ANPA, desde JUDO COMPOSTELA propuxéronnos cambiar o habitual campionato por unha xornada lúdica, a modo de festival fin de curso, na que o deporte do judo estivese acompañado por inchables, música e xogos. 
Non cabe dúbida que un dos grandes luxos que temos no noso colexio son as marabillosas instalacións cheas de verde das que dispoñemos, polo que non nos podiamos  negar (grazas ao centro pola súa colaboración ante a proposta). Así, desde as catro da tarde os nenos e nenas das familias asociadas á ANPA puideron disfrutar dunha tarde diferente chea de diversión, xogos e risas...




...pero, por suposto, tamén houbo momento para o judo. Nenos e nenas doutros centros nos que se practica esta actividade achegáronse ao noso cole para levar a cabo unha clase-exhibición deste deporte e facer as delicias dos seus familiares.




Grazas a David e a JUDO Compostela polo seu compromiso e bo facer e a todos os que fixeron posible esta festa! Agardamos que a disfrutarades!

luns, 1 de xuño de 2015

Excursión ao Grove

Onte domingo foi un día especial para as familias da ANPA Outeiro de Vea xa que por primeira vez organizabamos unha excursión a modo de xornada de convivencia familiar. A experiencia, ademais de colmar as nosas expectativas, coidamos que deixou un bo sabor de boca entre os participantes.


O destino escollido foi a península do Grove e alí, a pesares de que a metereoloxía case nos xoga unha mala pasada, puidemos desenvolver o programa previsto: visita ao Acuario, subida ao mirador de Siradella, viaxe en catamarán e visita á illa da Toxa.

Estas son algunha das imaxes que forman a reportaxe fotográfica da xornada!


SE NON PODEDES VER AS FOTOS PREMEDE AQUÍ

luns, 4 de maio de 2015

Cores con Marta Ortiz

Esta mañá recibimos a visita de Marta Ortiz, da Tropa de Trapo, que nos representou o seu espectáculo Cores; a historia de Lila unha nena cuxos soños pasan do branco e negro ás cores máis marabillosas grazas á axuda da súa avoa e do seu libro de contos,

Case tres cuartos de hora de espectáculo no que os nenos e nenas do Villar Paramá disfrutaron da maxia dos contos!  Velaquí vos deixamos algunha das imaxes...



Estas actividade foi organizada e financiada pola ANPA.

venres, 24 de abril de 2015

Contacontos: A Tropa de Trapo

O vindeiro luns 4 de maio ás 12:10 horas visitará o noso colexio Marta Ortiz de A Tropa de Trapo para representar o seu espectáculo Cores.


A actividade, que está organizada e financiada pola ANPA, irá dirixida a todo o alumnado do centro e a todas as familias que desexen asistir.



SINOPSE


Na casa de Violeta ultimamente hai bastantes problemas. Tantos que Violeta, seu pai e súa nai teñen que deixar a súa casa e ir á da avoa. Pero o peor aínda estaba por chegar.  Unha noite Violeta, metida na cama con súa avoa, comeza a soñar en branco e negro. Os seus soños quedaran sen cores! Menos mal que alí estaba a avoa e un vello libro cheo de cores e de contos para soñar, rir e volver a crer que os problemas teñen solucións e os nosos soños poden ter todas as cores que queiramos.

xoves, 26 de febreiro de 2015

Encontros Dinámicos de Educación en Positivo


A ANPA, en colaboración coas demais Asociacións de Pais e Nais dos colexios e institutos do Concello (FESANPAS) organiza uns Encontros Dinámicos de Educación en Positivo dirixidos ao colectivo de pais e nais.

No caso de infantil e primaria, ditas charlas terán lugar en horario e 20:00 a 22:00 horas no MOME e versarán sobre os temas que se indican:
  • Luns 9 de Marzo   " Autoridade na casa ou necesidade de puntos de referencia? "
  • Luns 20 de Abril   " Como mellorar a conduta no colexio, na casa..."
  • Luns 25 de Maio   " Dámoslle unha paga? Educar en responsabilidade "

venres, 20 de febreiro de 2015

Festival de Entroido

Xa podedes ver todas as fotos do festival de Entroido que se celebrou o pasado venres na páxina web do cole! Se queredes acceder a elas directamente, só tedes que premer na imaxe!

E lembrade que no último  Xornal da ANPA do curso recibiredes, como no curso pasado, un DVD coa gravación íntegra de todas as actuacións dos vosos fillos e fillas!!!

mércores, 11 de febreiro de 2015

III Certame de Relato Curto

Está en marcha o III Certame de Relato Curto organizado por FANPAS, federación de ANPAS da provincia de Pontevedra, dirixido ao alumnado de primaria e secundaria.
Desde a xunta directiva da ANPA Outeiro de Vea convidamos a que animedes aos vosos fillos e fillas a participar neste concurso. As bases do mesmo recibístelas a semana pasada nos vosos domicilios pero, por se hai algún despistad@, podedes consultalas na seguinte ligazón: BASES

Tedes de prazo ata o 28 deste mes!