venres, 23 de maio de 2014

Banco de Libros

Esta é a nota informativa que recibíredes nos vosos domicilios co fin de coñecer o voso interese en ´pór en marcha un Banco de Libros de cara ao curso que vén.
Pregamos nola fagades chegar antes do xoves 29 de Maio.

Estimadas familias:Desde a ANPA temos a intención de iniciar un Banco de Libros de cara ao vindeiro curso. O obxectivo é aproveitar ao máximo os libros que aínda estean vixentes para que poidan ser reutilizados e, para elo, precisamos da vosa valiosa colaboración.Dito banco de libros iría dirixido ao alumnado que cursará  3º, 4º, 5º e 6º de Primaria no curso 2014/2015.  Aínda así, como ben saberedes,  está prevista a implantación da nova Lei de Educación (LOMCE)  en 3º  e  5º de Primaria, polo que descoñecemos a estas alturas se todos os libros de texto destes cursos servirán ou non; se ben parece que existe predisposición por parte da Administración de mantelos na medida do posible.Este sería, a grandes rasgos, o funcionamento do Banco:

1. As familias achegarían os libros ao Centro Escolar unha vez rematado o actual curso escolar. 
2. Os libros deben estar en bo uso e estar vixentes para o curso 2014/2015 (segundo o listado que facilitará o Centro Escolar)

3. Na ANPA faríanse os lotes segundo uns criterios que serían especificados ás familias interesadas, sempre buscando a equitatividade.

4. A ANPA comunicaría ás familias durante o mes de xullo (unha vez feito todo o proceso) os libros que lles foron adxudicados.

Para saber de primeira man o número de familias que estarían dispostas a formar parte deste banco de libros, pedímosvos que nos fagades chegar a nota que está ao final desta páxina, debidamente cuberta, antes do xoves 29 de MAIO. Con posterioridade, convocaríamos ás familias interesadas a unha xuntanza onde se explicaría máis polo miúdo o desenvolvemento deste proxecto.  Animámosvos a participar nesta iniciativa solidaria que vai destinada a paliar o importante desembolso económico que para as nosas familias supón a compra dos libros de texto que precisan aos nosos fillos e fillas cada ano. Queremos facer un especial chamamento ás familias con nenos/as  en 6º de Primaria, pois vos pedimos que compartades os vosos libros, entregándoos no Banco aínda que vaiades dicir adeus ao colexio.                                                                                                                                              Saúdos. A Xunta Directiva

luns, 5 de maio de 2014

De viaxe en Alvarella

Foron algo máis de catro meses de xuntanzas, de chamadas telefónicas, de poñerse dacordo nisto, niso e naquelo. Pero, ao fin, chegamos ao punto final cumprindo, desde o noso punto de vista, os obxectivos marcados inicialmente.

Viaxaron ao camping Alvarella para disfrutar de tres días de actividades, de suor, de acumular cansancio pero tamén de reunión, de compañeirismo, de poder estar xuntos. A longa camiñata polas fragas do Eume, os paseos a cabalo, os xogos, os obradoiros, a viaxe na piragua, os sorrisos xuntos, as anécdotas compartidas... todo iso será o que estes doce nenos e nenas de 6º lembrarán durante toda a súa vida..






Desde a ANPA só nos queda felicitar a todas as familias implicadas polo seu consenso, pola súa colaboración e por facer que os rapaces e rapazas disfrutaran da experiencia. E, especialmente, a Liliana por acompañalos e coidar deles como só unha nai pode facer.