luns, 23 de decembro de 2013

Gañadores da Cesta de Nadal

Xa temos gañadores da Cesta de Nadal que puxo en xogo a ANPA para este Nadal. Trátase de Lina Cimadevila e Albino Bustelo que onte pola tarde pasaron a recoller o seu premio ao Multicentro Pernas de Pontevea.  Parabéns!!

Os gañadores  xunto a Manuel Correa, presidente da ANPA, e Daniel Pernas

sábado, 21 de decembro de 2013

Chocolatada 2013

Un ano máis, aproveitando o remate das clases antes dass vacacións do Nadal, a ANPA quixo convidar a todos os nenos e nenas do cole e aos mestres a un saboroso chocolate quente acompañado por unhas rosquiñas. Velaquí vos deixamos as imaxes das chocolatada!
Que mellor maneira de despedir o trimestre! non si?

A xunta directiva da ANPA Outeiro de Vea quere desexarlle a toda a comunidade educativa do CEIP Manuel Villar Paramá unhas boas Festas e un próspero 2014!

xoves, 19 de decembro de 2013

O Xornal da ANPA nº 7

Entre hoxe e mañá recibiredes nos vosos domicilios o número 7 do "Xornal da ANPA", a nosa revista  de tirada trimestral. Nova maquetación, novos contidos, cuxa edición a toda cor podedes ver premendo na imaxe inferior.  Agardamos que vos guste e resulte do voso interese!


xoves, 12 de decembro de 2013

"Habemus" gañadores!

Xa temos veredito no concurso que, desde o cole e en colaboración coa ANPA, se desenvolveu para escoller a portada do seguinte número da revista da ANPA. Os gañadores foron os nenos e nenas da aula de infantil co seu pirata se ben quedaron empatados co mural do alumnado de 5º Primaria. Velaquí podedes ver aos gañadores recollendo o seu agasallo e, detrás deles, os traballos premiados.
Parabéns!!



E, a vindeira semana, xa teredes todos e todas a revista nas vosas mans!!!

martes, 10 de decembro de 2013

Concurso de portada!!

Está en marcha no cole un concurso para escoller cal será a portada do seguinte número da nosa revista "O Xornal da ANPA" que teredes nas vosas mans moi prontiño.

O vindeiro mércores será o día no que coñeceremos o/a gañador/a... permanecede atent@s!!

mércores, 20 de novembro de 2013

A vosa Cesta de Nadal!

Non é casualidade o título desta entrada: esta Cesta de Nadal valorada en máis de 300 euros pode ser vosa simplemente mercando unha das rifas que andamos a vender os membros da xunta directiva da ANPA durante estes días.  Somos unha asociación humilde, con poucos recursos e o noso obxectivo é conseguir facer algunha actividade extra durante o curso para que a poidades disfrutar todos e todas.
Así que xa sabedes, por unha pequena aportación podedes levar todo o preciso para pasar un Bo Nadal!




NOTA: A cesta está exposta no Multicentro Daniel Pernas de Pontevea.

xoves, 14 de novembro de 2013

Cidadanía e convivencia dixital

Hoxe chegou ao local da ANPA unha carta na que nos pedían colaborar na difusión desta actividade destinada a sensibilizar ás familias da importante labor que podemos realizar co fin de apoiar usos seguros e saudables da Internet e das redes sociais por parte dos nenos, nenas e adolescentes. 

A XII Xornada Galega de Nais e Pais Educando en Igualdade celebrarase o vindeiro sábado 16 de novembro nas instalación da Escola Galega de Administración Pública en Santiago de Compostela.


Toda a información, así como a solicitude de inscrición nas xornadas podédela obter premendo aquí.

xoves, 31 de outubro de 2013

Noite de Samaín!!


Xa está aquí. Xa chegou.. o Samaín. O noso cole xa leva uns días cunha "monstruosa" ambientación. Non o credes? Premede na imaxe e comprobarédelo vós mesmos!


luns, 28 de outubro de 2013

Chegaron os chándales!


A finais da semana pasada por fin recibimos o pedido dos chándales polo que podedes pasar a abonalos e recollelos ao local da ANPA. Como non dispoñemos de moito tempo para cambios (lembrade que as chaquetas, ao levar o anagrama do cole, non se poden cambiar!) establecemos un prazo de recollida ata o xoves 7 de novembro

Para facilitar este proceso, os membros da xunta directiva organizarán quendas no local da ANPA no seguinte horario:
  •  Luns a venres de 9:00 a 10:00
  •  Xoves día 7 de 16:00 a 17:00 

Toda a información tédela na circular informativa enviada ás familias


domingo, 27 de outubro de 2013

Magosto no cole!

O pasado venres os nenos e nenas do cole festexaron o Magosto con xogos populares e, como non, unha boa ración de castañas! Pica na imaxe para ver as fotos da festa!!

Magosto 2013

xoves, 24 de outubro de 2013

Xuntanza coa Concelleira de Educación

Soto do edificio anexo
Hoxe pola mañá, membros da xunta directiva da ANPA  e o director do centro, tivemos unha xuntanza coa Concelleira de Educación do Concello da Estrada, Dona Amalia Goldar, na que lle expuxemos as nosas inquedanzas respecto a certos aspectos do relacionados co colexio así como lle fixemos unha serie de peticións de arranxo e modificación dalgúns emprazamentos do colexio: teito da entrada principal, pozas de auga á entrada dos dous edificios, chan deslizante do patio cuberto, acondicionamento do soto do edificio anexo, etc. 

En principio, semella que hai boa predisposición a levar a cabo senón todas, si parte das nosas peticións, aínda que xa se sabe que o aspecto económico ten moito peso destas circunstancias.

Ademais, a Concelleira informounos de que teñen xa un proxecto ideado de cara a solucionar un dos grandes problemas de seguridade que temos no cole: o acceso dos nenos e nenas ao transporte público desde a vía pública. Neste senso, comunicounos que en vindeiras datas un dos arquitectos do Concello se desprazará ata o centro para explicarnos polo miúdo as características de dito proxecto. Desde a Xunta Directiva da ANPA consideramos que é primordial resolver este problema antes de que poida ocorrer algunha desgraza.

martes, 22 de outubro de 2013

Información Folga 24-Outubro

O vindeiro xoves 24 de outubro está convocada unha folga no sistema educativo galego en contra da LOMCE  á que están convocados todos os sectores afectados: docentes, alumnado, familias e persoal dos centros educativos. A convocatoria vén da man da Plataforma Galega de Defensa do Ensino Público e a ela adheríronse outros colectivos e organizacións entre as que está a CONFAPA, Confederación Galega de ANPAs dos Centros Públicos. 

A Xunta directiva da ANPA Outeiro de Vea considera que é o seu deber informar aos seus asociados desta convocatoria para que despois cada familia tome a decisión persoal de enviar ou non os nenos ao cole esa xornada.

Toda a información sobre a convocatoria podédela consultar na seguinte ligazón:


venres, 11 de outubro de 2013

Títeres

Hoxe os nenos e nenas de infantil e de 1º de primaria tiveron a oportunidade de disfrutar no MOME do espectáculo de títeres "Alicia no país das marabillas" enmarcado dentro do Festival Internacional de Títeres Galicreques (ver ficha técnica da obra)

Se premedes na imaxe poderedes ver a galería de imaxes desta visita que veñen de colgar na páxina web do cole.
Nen@s de infantil e de 1º no Festival Galicreques

xoves, 10 de outubro de 2013

Carné de Socio

Este venres todos os asociados recibiredes o voso carné de socio que enviaremos a través dos vosos nenos e nenas. Xa sabedes que dito carné, adxunto ao voso DNI,  serviravos para poder ter dereito aos descontos e ofertas ofrecidas polas empresas colaboradoras (ver aquí)

Se detectades algún erro (somos humanos!) ou se non o recibísedes, non dubidedes en poñervos en contacto connosco ben a través do noso correo  anpaouteiro_vea@yahoo.es ou ben visitándonos no noso local nas quendas habituais.


Lembrade ademais que o prazo para pagar a cota anual remata este venres día 11!

luns, 7 de outubro de 2013

Ollos de aula

Ollos de aula é a revista editada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dirixida ás familias. Artigos interesantes relacionados coa escola, suxestións, as últimas novas... Información variada ao redor do mundo escolar e que nos convida a  reflexionar sobre aqueles temas que nos interesan como pais e nais.



Todos os números anteriores premendo aquí

luns, 23 de setembro de 2013

Información Chándales

Como xa vos informabamos na circular enviada o pasado venres (ver) durante estes días estamos recollendo no local da ANPA nas quendas habituais as solicitudes tanto para o chándal completo como para cada unha das partes do mesmo. É moi importante facer o pedido conxunto, así que tedes ata o vindeiro mércores 25 de setembro para facérnolas chegar!

Unha vez recibamos os chándales da empresa suministradora, informarémosvos de como facer o pago e de como recoller as prendas!

sábado, 21 de setembro de 2013

Visita de Suso Vaamonde

Onte os nenos e nenas de primaria do noso cole tiveron a fortuna de disfrutar da compaña de Suso Vaamonde, director da Escola de Instrumentos Musicais de Cuntis  que lles interpretou en directo distintas pezas usando intrumentos clásicos da música tradicional galega: gaita, zanfoña, tarrañolas, pandeireta...

Podedes ver as fotos que colgaron na páxina web do cole premendo na fotografía!



martes, 17 de setembro de 2013

Xuntanza Informativa


Mañá mércores 18 de setembro ás 20:30 horas están convocados a unha xuntanza coa Xunta Directiva da ANPA aos pais e nais dos nenos e nenas de 3 anos que comezan a súa andaina escolar no CEIP Manuel Villar Paramá.  

O noso obxectivo é presentarnos e que os papás coñezan de primeira man como traballamos, e como participar e beneficiarse dos labores da Asociación.


Agardámosvos!

luns, 16 de setembro de 2013

Actividade extraescolar: Piscina


Como todos os anos desde a ANPA estamos traballando para ofertar aos socios unha serie de actividades extraescolares de cara este curso recén estreado. Se ben ao longo da semana iremos informando, por cuestión de prazos vémonos na obriga de informarvos xa sobre a actividade de piscina.


Neste curso, a empresa que dirixe a piscina climatizada da Estrada ofrécenos un total de 20 prazas (10 de iniciación e 10 de perfeccionamento). A clase sería os luns de 17:15 a 18:00 horas e o prezo por trimestre de 33'20 €. Poden anotarse todos os nenos e nenas nacidos antes do 30 de xuño de 2008, é dicir, aqueles que cumpran os 6 anos antes do remate do curso escolar.  Se vos interesa dádevos présa porque o prazo de matrícula na Piscina é do 18 ao 24 de setembro.

A reserva de praza realizarase no local da ANPA nas quendas indicadas na comunicación anterior (de luns a venres de 9:00 a 9:30 horas e os martes pola tarde de 16:00 a 17:00) por rigurosa orde de anotación. De todos os xeitos, lembrade que PARA PODER ANOTARSE ÁS ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES É OBRIGATORIO SER SOCIO DA ANPA E ESTAR AO CORRENTE DE PAGO DA COTA ANUAL.



sábado, 14 de setembro de 2013

Reequilibrio do alumnado

A finais do curso pasado a nosa ANPA xunto coas respectivas dos colexios do Foxo, Codeseda e Oca presentamos un escrito ante o Xefe Territorial da Consellería de Educación en Pontevedra na que se solicitaba unha reorganización da adscrición territorial do alumnado que conlevaría o reequilibrio do alumnado de todos os CEIP estradenses.

Se ben aínda non recibimos resposta oficial á nosa solicitude, os xornais xa se fan eco desta petición indicando a dispoñibilidade da Xunta de Galicia a valorar a proposta.


Podedes ver a nova publicada na Voz de Galicia premendo na imaxe

venres, 13 de setembro de 2013

Circular de benvida ás familias

Hoxe 13 de setembro recibiredes nos vosos domicilios unha circular na que, ademais de presentarse a nova xunta directiva, infórmase dos proxectos e actividades que temos en mente desenvolver ao longo do curso: carné de socio, banco de libros, actividades extraescolares... 
Ademais, incluímos unha folla anexa na que se especifican os establecementos comerciais que colaboran coa ANPA ofrecendo descontos e promocións aos socios.
Podes ver a comunicación, premendo aquí.

Así será o carné de socio da ANPA

Por último, lembrade que haberá quendas dos membros da xunta directiva ata o 11 de outubro para que poidades pagar persoalmente a cota, apuntarvos ás actividades ou aclarar calquera dúbida que vos xorda.

Ditas quendas serán no local da ANPA de luns a venres de 9:00 a 9:30  e os martes de 16:00 a 17:00 horas.

Son 15 euros ao ano que para @s nos@s fill@s supoñen moito.
FAITE SOCIO!

mércores, 11 de setembro de 2013

Benvid@s ao curso 2013/2014


Un ano máis as aulas co cole abríronse de par en par para recibir aos nosos nenos e nenas. Despois das merecidas vacacións de verán, chega a hora de volver á rutina diaria e enfrontarse ao novo curso con toda a enerxía! Agárdannos meses de tarefas, actividades e moita diversión!

Desde aquí queremoslle dar a benvida especialmente aos nenos e nenas que se incorporan ao noso cole e aos seus pais e nais, animándoos a participar e colaborar nas distintas actividades organizadas pola ANPA. Nos vindeiros días farémosvos chegar toda a información!!

Polo de pronto e, por se hai algún despistad@, deixámosvos as seguintes ligazóns coa información que os titores e titoras vos foron dando durante estes días:

luns, 9 de setembro de 2013

Axudas ao Estudo do Concello de A Estrada


O Departamento de Servizos Sociais do Concello de A Estrada acaba de poñer en marcha o programa de axudas ao estudo para o curso escolar 2013/2014.



Establécense dos tipos de axudas:
  1. Axudas para libros e material escolar necesario para o alumnado da 2ª etapa de Educación Infantil cun máximo de 90 € por alumn@.
  2. Axudas para o pago do comedor escolar, destinadas a familias que teñen ao seu cargo menores que cursan infantil ou primaria.
As bases da convocatoria, así como o impreso da solicitude,  están á disposición dos pais e nais no taboleiro do centro ou pódense consultar e descargar nas seguintes ligazóns:

O PRAZO DE SOLICITUDE REMATA O VINDEIRO 23 DE SETEMBRO

Ola a tod@s!

Benvidos ao blogue da ANPA Outeiro de Vea do CEIP Manuel Villar Paramá.


Agardamos que este novo vehículo de comunicación coas familias sexa de utilidade para todos vós e permita mantervos informados non só de todas as actividades, proxectos ou iniciativas levadas a cabo desde a ANPA, senón de todos aqueles aspectos que, dunha maneira ou doutra, estean relacionados co funcionamento do noso
cole.

Por suposto, queremos pedirvos a vosa colaboración para convertir este espazo nun lugar dinámico e produtivo polo ben dos nosos fillos e fillas.