xoves, 6 de novembro de 2014

Eleccións ao Consello Escolar

O vindeiro martes 25 de novembro hai eleccións ao Consello Escolar, un órgano no que se toman decisións fundamentais para os nosos nenos e nenas. Por iso é tan importante que a voz das nais e dos pais se poida oír nese foro. E por iso dende a Anpa queremos animarvos a participar. Todos vós podedes ser candidatos. Para presentarvos, só debedes cubrir un documento que vos facilitarán na Secretaría do Centro. Tedes de prazo ata o mércores 12 de novembro ás 14 horas.
As familias do Centro teñen ao seu dispor cinco prazas no Consello Escolar. E neste momento están vacantes tres; unha delas cunha duración de catro anos, e as outras dúas por dous anos. É moi importante cubrilas. Se non fose así, esas cadeiras quedarían baleiras, e o próximo curso estariamos xa sen representación ningunha agás o representante da Anpa. As familias podemos, e debemos, implicarnos no funcionamiento do Centro e na educación dos nosos fillos e fillas. Xunto con todo o profesorado, que traballa día a día con eles, temos que ser os primeiros interesados en involucrármonos na nosa Escola. Tamén é a nosa responsabilidade. Sobre todo cando custa tan pouco como asistir e participar nas tres ou catro xuntanzas anuais que se celebran.
Grazas por anticipado pola vosa colaboración. Entre todos poderemos sumar máis.

venres, 10 de outubro de 2014

Carné de socio

Hoxe enviámosvos por medio dos vosos fillos e fillas un sobre pechado co carné de socio da ANPA co cal tedes dereito a unha serie de descontos en distintos establecementos comerciais que colaboran connosco.


Lembrade que ditos descontos non son acumulables a outras ofertas e que é preciso presentar o DNI para poder favorecervos das ofertas.

Premendo AQUÍ  teredes toda a información sobre as ofertas de cada comercio colaborador.

venres, 26 de setembro de 2014

Actividades Extraescolares Curso 2014/2015


Unha vez feito o reconto das vosas peticións de actividades extraescolares para o curso que acaba de empezar, a continuación mostramos o cadro completo das que, finalmente, se desenvolverán. Lamentablemente, nin xadrez, nin inglés, nin teatro tiveron a suficiente acollida como para formar grupo. 

Por suposto, calquera nen@ que aínda queira anotarse nestas actividades está a tempo; tan só tedes que poñervos en contacto connosco para incluíl@s na listaxe definitiva de inscritos.  De feito, na actividade de judo, o número de inscritos está moi no límite dos mínimos esixidos polos responsables da actividade; neste senso, o primeiro día da actividade (mércores 1 de outubro) celebrarase unha xornada de portas abertas para que os nenos e nenas (e as familias) coñezan de primeira man a actividade.  Animádevos a participar!



O cadro completo da oferta sería:


LUNS    Inicio das clases 6 de outubro
  • NATACIÓN    Piscina da Ramallosa (17:45 a 18:30)  PRAZAS ADXUDICADAS
  • NATACIÓN    Piscina da Estrada  (17:15 a 18:00)  Quedan catro prazas por cubrir.
O cobro desta actividade realizarase a semana que vén no local da ANPA nas quendas habituais.

MARTES   Inicio das clases 7 de Outubro
  • MANUALIDADES (16:00 a 17:15) no local da ANPA

MÉRCORES     Inicio das clases 1 de Outubro
  • JUDO (16:00 a 17:00) no pavillón do colexio
  • INFORMÁTICA (16:00 A 17:00) na aula de informática do colexio
XOVES         Inicio das clases 2 de Outubro
  • FÚTBOL (16:30 A 18:00) no pavillón do colexio

venres, 19 de setembro de 2014

Oferta Actividades Extraescolares Curso 2014/2015


Xa recibístes nos vosos domicilios a circular con toda a información das actividades extraescolares que desde a ANPA ofertamos de cara o curso que acaba de comezar.
O cadro completo da oferta sería:

LUNS    

  • NATACIÓN    Piscina da Ramallosa (17:45 a 18:30)  PRAZAS ADXUDICADAS
  • NATACIÓN    Piscina da Estrada  (17:15 a 18:00)  Quedan catro prazas por cubrir. En caso de estar interesados, facédenolo saber o máis rapidamente posible para notificalo antes de que as cubran con outros coles ou asociacións.
MARTES   
  • MANUALIDADES (quendas a partir das 16:00) Dirixido a todo o alumnado
  • TEATRO (16:00 a 17:30)  Dirixido ao alumnado de Primaria
MÉRCORES
  • JUDO (16:00 a 17:00)  Dirixido a todo o alumnado
  • INFORMÁTICA (16:00 A 17:00) Dirixido ao 2º e 3º ciclo de primaria
XOVES
  • FÚTBOL (16:30 A 18:00) Dirixido ao alumnado de primaria
  • INGLÉS (16:00 a 17:00) Dirixido ao alumnado de Infantil e 1º de primaria
  • XADREZ (16:00 a 17:00) Dirixido ao alumnado de primaria

Tedes ata o vindeiro MÉRCORES 24 DE SETEMBRO para facernos chegar as vosas peticións co fin de poder pechar o calendario definitivo da actividades.

martes, 16 de setembro de 2014

Xuntanza informativa

Mañá mércores 17 de setembro ás 20:30 horas están convocadas a unha xuntanza coa xunta directiva da ANPA as familias dos nenos e nenas de 3 anos que comezan a súa andaina no noso colexio. 


Con esta reunión pretendemos, ademais de darlle a benvida, informalos do funcionamento da asociación, os proxectos e actividades que desenvolvemos e, como non, ofrecerlle a nosa colaboración sempre que o precisen.

Agardámosvos! 

venres, 12 de setembro de 2014

Actividade extraescolar: Natación

Como xa vos informamos na circular enviada aos vosos domicilios, para este curso temos dúas piscinas interesadas en colaborar connosco para impartir os cursos de natación cos seguintes horarios:


  •       Piscina da Estrada: luns de 17:15 a 18:00

  •       Piscina da Ramallosa: luns de 17:45 a 18:30





Como as prazas e os prazos son limitadas, cómpre que anotedes aos vosos fillos e fillas canto antes pasando polo local da ANPA o luns 15, martes 16 e mércores 17 en horario de 9:00 a 9:30 ou o martes 16 en horario de 16:00 a 16:30

En caso de que o número de solicitudes sexa maior ao número de prazas ofertadas, levarase a cabo un sorteo público das prazas que terá lugar o vindeiro mércores 17 de setembro ás 20:00 no local da ANPA.


Lembrade que para poder anotarse a calquera actividade extraescolar é IMPRESCINDIBLE ser socio da ANPA e estar ao corrente do pago da cota anual de 15 euros.

mércores, 10 de setembro de 2014

Benvid@s ao curso 2014/2015!


Os nenos e as nenas volven ás aulas da nosa Escola. Empeza un curso novo, con retos novos, e con outros do pasado xa conseguidos. 

Este ano o alumnado accederá ao centro dun xeito moito máis seguro. O colexio estrea aparcadoiro para autobuses, de maneira que os rapaces e as rapazas xa non terán que baixar ou subir ao bus polo lado da estrada. Unha meta acadada, por fin, despois de moitos anos de reclamacións, conversas e peticións, por parte da Escola, e, moi especialmente, da ANPA. É o froito dun traballo conxunto de toda a comunidade educativa, que sen a insistencia das familias nunca se conseguiría. Grazas a todos, e parabéns pola unidade.

Obras do novo aparcadoiro

Este fito é un exemplo do que podemos conseguir se camiñamos co mesmo obxectivo: axudar, na medida das nosas posibilidades, para que a nosa Escola sexa mellor. E por ese obxectivo seguiremos a traballar.

Nos vindeiros días iremos informando das nosas propostas para o curso que empeza. Agardamos, unha vez máis, a colaboración de tod@s!.








luns, 30 de xuño de 2014

O Xornal da ANPA nº 9

Velaquí vos queda o número 9 do Xornal da ANPA.

domingo, 15 de xuño de 2014

Ruta dos muíños

Cinco da tarde. O sol quentaba pero unha leve brisa facía que a sensación fose máis que agradable. Unha trintena de expedicionarios, mochila ao lombo, dispuxéronse a adentrarse na parroquia de Couso para descubrir, un a un, os sete muíños que se agochan a carón do río Vea. Paraxes idílicas, natureza salvaxe, fauna autóctona. Camiñar entre rochas e vexetación. Tres horas de paseo guiados polos membros da Asociación A Xesteira (mil grazas!)  que nos fixeron valorar eses pequenos recunchos que temos tan preto e que, moitas veces, descoñecemos ou renegamos da súa beleza. 




A Ruta dos Muíños de Couso. Os que fostes, seguro que disfrutástedes da experiencia; os que non, convidámosvos a coñecela. Paga, e moito, a pena!


mércores, 11 de xuño de 2014

Ruta dos Muíños en Couso

Se a climatoloxía o permite (que parece que si...) o vindeiro sábado día 14, membros da Asociación A Xesteira de Couso acompañarannos para realizar a denominada Ruta dos Muíños. Como nun principio esta actividade estaba prevista para o día 7 e tivemos que aprazala polo mal tempo, todas aquelas familias que estean interesadas en asistir quedan citadas ás 17:00 horas no mesón A Outeira.

Serán un par de horiñas de paseo na que os nenos e nenas disfrutarán da natureza na compaña das súas familias. Animádevos!


martes, 3 de xuño de 2014

Asemblea Xeral Ordinaria de Socios

Todos os asociados á ANPA Outeiro de Vea do CEIP Manuel Villar Paramá estades convocado a unha mércores 4 de xuño ás 20:00 horas en primeira convocatoria e ás 20:30 en segunda convocatoria cos seguintes puntos na orde do día.
Asemblea Xeral Ordinaria de Socios o vindeiro

1.- Lectura e aprobación da acta anterior
2.- Estado das contas
3.- Información sobre o banco de libros
4.- Rogos e preguntas

luns, 2 de xuño de 2014

Campionato de Judo


O pasado venres día 30 celebrouse no pavillón do colexio un Campionato de Judo infantil organizado polo Club Judo Compostela e que contou coa nosa colaboración. Preto de 150 nenos e nenas chegados desde outros concellos deron mostra do seu bo facer no tatami e fixeron as delicias do público asistente.



E, como non, destacar o papel dos nosos rapaces que deixaron o pavillón ben alto!


@s nos@s judokas co seu profe

venres, 23 de maio de 2014

Banco de Libros

Esta é a nota informativa que recibíredes nos vosos domicilios co fin de coñecer o voso interese en ´pór en marcha un Banco de Libros de cara ao curso que vén.
Pregamos nola fagades chegar antes do xoves 29 de Maio.

Estimadas familias:Desde a ANPA temos a intención de iniciar un Banco de Libros de cara ao vindeiro curso. O obxectivo é aproveitar ao máximo os libros que aínda estean vixentes para que poidan ser reutilizados e, para elo, precisamos da vosa valiosa colaboración.Dito banco de libros iría dirixido ao alumnado que cursará  3º, 4º, 5º e 6º de Primaria no curso 2014/2015.  Aínda así, como ben saberedes,  está prevista a implantación da nova Lei de Educación (LOMCE)  en 3º  e  5º de Primaria, polo que descoñecemos a estas alturas se todos os libros de texto destes cursos servirán ou non; se ben parece que existe predisposición por parte da Administración de mantelos na medida do posible.Este sería, a grandes rasgos, o funcionamento do Banco:

1. As familias achegarían os libros ao Centro Escolar unha vez rematado o actual curso escolar. 
2. Os libros deben estar en bo uso e estar vixentes para o curso 2014/2015 (segundo o listado que facilitará o Centro Escolar)

3. Na ANPA faríanse os lotes segundo uns criterios que serían especificados ás familias interesadas, sempre buscando a equitatividade.

4. A ANPA comunicaría ás familias durante o mes de xullo (unha vez feito todo o proceso) os libros que lles foron adxudicados.

Para saber de primeira man o número de familias que estarían dispostas a formar parte deste banco de libros, pedímosvos que nos fagades chegar a nota que está ao final desta páxina, debidamente cuberta, antes do xoves 29 de MAIO. Con posterioridade, convocaríamos ás familias interesadas a unha xuntanza onde se explicaría máis polo miúdo o desenvolvemento deste proxecto.  Animámosvos a participar nesta iniciativa solidaria que vai destinada a paliar o importante desembolso económico que para as nosas familias supón a compra dos libros de texto que precisan aos nosos fillos e fillas cada ano. Queremos facer un especial chamamento ás familias con nenos/as  en 6º de Primaria, pois vos pedimos que compartades os vosos libros, entregándoos no Banco aínda que vaiades dicir adeus ao colexio.                                                                                                                                              Saúdos. A Xunta Directiva

luns, 5 de maio de 2014

De viaxe en Alvarella

Foron algo máis de catro meses de xuntanzas, de chamadas telefónicas, de poñerse dacordo nisto, niso e naquelo. Pero, ao fin, chegamos ao punto final cumprindo, desde o noso punto de vista, os obxectivos marcados inicialmente.

Viaxaron ao camping Alvarella para disfrutar de tres días de actividades, de suor, de acumular cansancio pero tamén de reunión, de compañeirismo, de poder estar xuntos. A longa camiñata polas fragas do Eume, os paseos a cabalo, os xogos, os obradoiros, a viaxe na piragua, os sorrisos xuntos, as anécdotas compartidas... todo iso será o que estes doce nenos e nenas de 6º lembrarán durante toda a súa vida..






Desde a ANPA só nos queda felicitar a todas as familias implicadas polo seu consenso, pola súa colaboración e por facer que os rapaces e rapazas disfrutaran da experiencia. E, especialmente, a Liliana por acompañalos e coidar deles como só unha nai pode facer.

mércores, 16 de abril de 2014

O Xornal da ANPA nº 8

Velaquí tedes o número de "O Xornal da ANPA" correspondente ao segundo trimestre a toda cor.

martes, 18 de marzo de 2014

De contos con Raquel!


Desta maneira comezou  esta mañá Raquel Queizás a súa actuación no cole: enganchando!  E así foi ata o remate do espectáculo. Non había máis que mirar as caras de ledicia dos nenos e nenas e, por que non dicilo, aos non tan nenos.

En definitiva, unha sesión de contacontos do máis ameno e entretido que fixo felices por unha hora aos que alí estabamos.



Desde a ANPA queremos agradecer ao cole por permitirnos desenvolver esta actividade en horario lectivo co fin de que todos os nenos e nenas puideran disfrutala.

mércores, 12 de marzo de 2014

Contacontos: Raquel Queizás!

O próximo martes 18 de marzo ás 12:30 horas recibiremos a visita da contacontos ourensá Raquel Queizás co seu espectáculo A Maleta da Avoa.  Unha maleta chea de recordos, de pequenos tesouros e, sobre todo, de historias.


A actividade, á que estades convidadas todas as familias, vai dirixida a todo o alumnado do centro e está organizada e financiada pola ANPA.
Agardamos que sexa do voso interese!

martes, 11 de marzo de 2014

Así foi o entroido do cole!!!

Na páxina web do centro, xa temos á nosa disposición os vídeos e fotos da festividade do Entroido onde desde a ANPA colaboramos xestinando a distribución dos doces e bebidas que os vosos nenos e nenas trouxeron. Picade nas imaxes para acceder!!


martes, 18 de febreiro de 2014

Gañadora Premio ACOE

O pasado marte, Cristina Rodríguez, vogal da xunta directiva da ANPA, fixo entrega do vale desconto cortesía de ACOE á familia Laya Rebolo, que resultou gañadora coa participación que incluía a súa revista do pasado trimestre. Parabéns!


luns, 10 de febreiro de 2014

Novidades sobre o novo estacionamento!

O pasado sábado apareceu reflectido na prensa a nova de que o Concello (tal e como nos comentara no pasado mes de outubro a Concelleira de Educación) ten redactado o proxecto para executar as obras de remodelación do aparcadoiro do noso cole.


Como xa indicabamos no Xornal da Anpa do pasado trimestre, a idea é retroceder o muro que separa o centro do aparcadoiro e situalo a carón da fachada do edifico anexo co fin de que os autobuses estacionen en batería e os nenos e nenas baixen do transporte de forma segura.



Desde a Xunta Directiva agardamos que este proxecto, para o que supostamente hai destinados 20.000 € do orzamento municipal, non se quede en papel mollado e que se poida resolver, dunha vez e tras tantos anos de loita, un dos grandes problemas do noso cole.

sábado, 1 de febreiro de 2014

Reunión



O próximo luns 3 de febreiro convocamos aos pais e nais do alumnado de 6º de Primaria a unha reunión informativa na que se falará sobre a excursión de fin de cursos deste nenos e nenas.


Hora: 20: 00 horas
Lugar: Local da ANPA

Prégase puntualidade.