Amosando publicacións coa etiqueta Actividades ANPA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Actividades ANPA. Amosar todas as publicacións

venres, 27 de setembro de 2019

Actividades Extraescolares 2019/2020

Xa temos deseñado o plan de actividades coordinados pola ANPA para este novo curso!!

Comezamos a vindeira semana!


mércores, 14 de febreiro de 2018

Unha ANPA e un cole de cine!

Sentímonos moi orgullosos de todas as persoas que forman parte da familia do Villar Paramá: dos mestres, dos nenos e nenas, das mamás e os papás. Tras o preciosos festival de Entroido que se celebrou o venres no colexio, onte martes de Entroido unha boa parte das familias puxemos as nosas mellores galas e acudimos á Estrada a mostrar o noso cole de cine. Mágoa das condicións metereolóxicas que impediron facer o desfile ao aire libre, pero os nosos Picapedra de infantil, os nosos Charlots de 1º e 2º, os Harry Potter de 3º, os espías de 4º, as personaxes de Carrapuchiña vermella de 5º ou os dálmatas de 6º desfilaron fachendosos polo pavillón 3 da Fundación do Moble. 
Parabéns para tod@s!






martes, 6 de xuño de 2017

Excursión ao "Fin da Terra"

Agradable día de convivencia entre as familias o que vivimos o pasado domingo na excursión á Costa da Morte. Un centenar de persoas, entre grandes e pequenos, achegámonos á fascinante historia do Castelo de Vimianzo, disfrutamos da fermosura da fervenza do Ézaro ou chegamos, pasiño a pasiño, ao "fin da terra"... Incluso algún se puxo a remollo na praia!!
Estas son algunhas das imaxes da viaxe!

PREME NA IMAXE PARA VER AS FOTOGRAFÍAS

xoves, 22 de decembro de 2016

Nadal de chocolate!!

Como vén sendo habitual nos últimos anos, a ANPA convidou ao todo o alumnado e profesorado do colexio a unha saborosa chocolatada aproveitando o último día de clase neste ano 2016. Preme na imaxe para acceder ás fotografías. BO NADAL A TOD@S!


MÁIS IMAXES NA WEB DO COLEXIO


sábado, 11 de xuño de 2016

Judoland 2016

O pasado mércores celebramos nas instalacións do colexio, e en colaboración con Judo Compostela, o Judoland 2016; a festa fin de curso da actividade extraescolar de judo na que os nenos e nenas das familias asociadas á ANPA puideron disfrutar non só da práctica do deporte senón de xogos, inchables, discoteca infantil e unha refrescante festa da escuma!

PREME NA IMAXE PARA ACCEDER ÁS FOTOGRAFÍAS
  Desde a ANPA queremos agradecer especialmente a colaboración tanto do colexio como das familias cuxos nenos e nenas asisten á actividade de judo.

luns, 23 de maio de 2016

Excursión a Marcelle

Por segundo ano consecutivo, desde a ANPA organizamos unha saída a modo excursión fin de curso co fin de disfrutar dun día diferente no que compartir experiencias. O destino escollido nesta ocasión: o Parque Natureza de Marcelle.


Por fortuna, e a pesar de que durante a semana ameazaba chuvia, o ceo comportouse e coidamos que as familias (nenos e maiores) pasaron un día do máis agradable.
Velaquí vos deixamos algunhas das imaxes da aventura!

venres, 18 de decembro de 2015

Chocolatada de Nadal!

Un ano máis, a ANPA quixo convidar a todo o alumnado e profesorado do colexio a un reconfortante chocolatiño quente coas súas respectivas rosquiñas para "mollar". FOTOS



Esta foi a doce maneira de despedir o trimestre e, de paso, desexarlles a todos unhas boas FESTAS! Vémonos no 2016!


martes, 24 de novembro de 2015

Charla e Exposición sobre o liño

Durante estes días temos a posibilidade de visitar no colexio unha exposición sobre o liño e todo o que rodea o seu proceso de transformación. Ademais desta mostra, cedida pola Asociación Cultural Tamparrantán, o alumnado tivo a posibilidade de asistir á unha charla explicativa desenvolvida por Manuel Rodríguez.


Podedes acceder a todas as imaxes desta actividade organizada conxuntamente polo centro e a ANPA premendo AQUÍ.

xoves, 4 de xuño de 2015

JUDOLAND 2015

Por primeira vez desde que o judo forma parte das actividades extraescolares xestionadas pola ANPA, desde JUDO COMPOSTELA propuxéronnos cambiar o habitual campionato por unha xornada lúdica, a modo de festival fin de curso, na que o deporte do judo estivese acompañado por inchables, música e xogos. 
Non cabe dúbida que un dos grandes luxos que temos no noso colexio son as marabillosas instalacións cheas de verde das que dispoñemos, polo que non nos podiamos  negar (grazas ao centro pola súa colaboración ante a proposta). Así, desde as catro da tarde os nenos e nenas das familias asociadas á ANPA puideron disfrutar dunha tarde diferente chea de diversión, xogos e risas...




...pero, por suposto, tamén houbo momento para o judo. Nenos e nenas doutros centros nos que se practica esta actividade achegáronse ao noso cole para levar a cabo unha clase-exhibición deste deporte e facer as delicias dos seus familiares.




Grazas a David e a JUDO Compostela polo seu compromiso e bo facer e a todos os que fixeron posible esta festa! Agardamos que a disfrutarades!

luns, 1 de xuño de 2015

Excursión ao Grove

Onte domingo foi un día especial para as familias da ANPA Outeiro de Vea xa que por primeira vez organizabamos unha excursión a modo de xornada de convivencia familiar. A experiencia, ademais de colmar as nosas expectativas, coidamos que deixou un bo sabor de boca entre os participantes.


O destino escollido foi a península do Grove e alí, a pesares de que a metereoloxía case nos xoga unha mala pasada, puidemos desenvolver o programa previsto: visita ao Acuario, subida ao mirador de Siradella, viaxe en catamarán e visita á illa da Toxa.

Estas son algunha das imaxes que forman a reportaxe fotográfica da xornada!


SE NON PODEDES VER AS FOTOS PREMEDE AQUÍ

luns, 4 de maio de 2015

Cores con Marta Ortiz

Esta mañá recibimos a visita de Marta Ortiz, da Tropa de Trapo, que nos representou o seu espectáculo Cores; a historia de Lila unha nena cuxos soños pasan do branco e negro ás cores máis marabillosas grazas á axuda da súa avoa e do seu libro de contos,

Case tres cuartos de hora de espectáculo no que os nenos e nenas do Villar Paramá disfrutaron da maxia dos contos!  Velaquí vos deixamos algunha das imaxes...



Estas actividade foi organizada e financiada pola ANPA.

venres, 24 de abril de 2015

Contacontos: A Tropa de Trapo

O vindeiro luns 4 de maio ás 12:10 horas visitará o noso colexio Marta Ortiz de A Tropa de Trapo para representar o seu espectáculo Cores.


A actividade, que está organizada e financiada pola ANPA, irá dirixida a todo o alumnado do centro e a todas as familias que desexen asistir.



SINOPSE


Na casa de Violeta ultimamente hai bastantes problemas. Tantos que Violeta, seu pai e súa nai teñen que deixar a súa casa e ir á da avoa. Pero o peor aínda estaba por chegar.  Unha noite Violeta, metida na cama con súa avoa, comeza a soñar en branco e negro. Os seus soños quedaran sen cores! Menos mal que alí estaba a avoa e un vello libro cheo de cores e de contos para soñar, rir e volver a crer que os problemas teñen solucións e os nosos soños poden ter todas as cores que queiramos.

xoves, 26 de febreiro de 2015

Encontros Dinámicos de Educación en Positivo


A ANPA, en colaboración coas demais Asociacións de Pais e Nais dos colexios e institutos do Concello (FESANPAS) organiza uns Encontros Dinámicos de Educación en Positivo dirixidos ao colectivo de pais e nais.

No caso de infantil e primaria, ditas charlas terán lugar en horario e 20:00 a 22:00 horas no MOME e versarán sobre os temas que se indican:
  • Luns 9 de Marzo   " Autoridade na casa ou necesidade de puntos de referencia? "
  • Luns 20 de Abril   " Como mellorar a conduta no colexio, na casa..."
  • Luns 25 de Maio   " Dámoslle unha paga? Educar en responsabilidade "

domingo, 15 de xuño de 2014

Ruta dos muíños

Cinco da tarde. O sol quentaba pero unha leve brisa facía que a sensación fose máis que agradable. Unha trintena de expedicionarios, mochila ao lombo, dispuxéronse a adentrarse na parroquia de Couso para descubrir, un a un, os sete muíños que se agochan a carón do río Vea. Paraxes idílicas, natureza salvaxe, fauna autóctona. Camiñar entre rochas e vexetación. Tres horas de paseo guiados polos membros da Asociación A Xesteira (mil grazas!)  que nos fixeron valorar eses pequenos recunchos que temos tan preto e que, moitas veces, descoñecemos ou renegamos da súa beleza. 




A Ruta dos Muíños de Couso. Os que fostes, seguro que disfrutástedes da experiencia; os que non, convidámosvos a coñecela. Paga, e moito, a pena!


mércores, 11 de xuño de 2014

Ruta dos Muíños en Couso

Se a climatoloxía o permite (que parece que si...) o vindeiro sábado día 14, membros da Asociación A Xesteira de Couso acompañarannos para realizar a denominada Ruta dos Muíños. Como nun principio esta actividade estaba prevista para o día 7 e tivemos que aprazala polo mal tempo, todas aquelas familias que estean interesadas en asistir quedan citadas ás 17:00 horas no mesón A Outeira.

Serán un par de horiñas de paseo na que os nenos e nenas disfrutarán da natureza na compaña das súas familias. Animádevos!


luns, 2 de xuño de 2014

Campionato de Judo


O pasado venres día 30 celebrouse no pavillón do colexio un Campionato de Judo infantil organizado polo Club Judo Compostela e que contou coa nosa colaboración. Preto de 150 nenos e nenas chegados desde outros concellos deron mostra do seu bo facer no tatami e fixeron as delicias do público asistente.



E, como non, destacar o papel dos nosos rapaces que deixaron o pavillón ben alto!


@s nos@s judokas co seu profe

luns, 5 de maio de 2014

De viaxe en Alvarella

Foron algo máis de catro meses de xuntanzas, de chamadas telefónicas, de poñerse dacordo nisto, niso e naquelo. Pero, ao fin, chegamos ao punto final cumprindo, desde o noso punto de vista, os obxectivos marcados inicialmente.

Viaxaron ao camping Alvarella para disfrutar de tres días de actividades, de suor, de acumular cansancio pero tamén de reunión, de compañeirismo, de poder estar xuntos. A longa camiñata polas fragas do Eume, os paseos a cabalo, os xogos, os obradoiros, a viaxe na piragua, os sorrisos xuntos, as anécdotas compartidas... todo iso será o que estes doce nenos e nenas de 6º lembrarán durante toda a súa vida..






Desde a ANPA só nos queda felicitar a todas as familias implicadas polo seu consenso, pola súa colaboración e por facer que os rapaces e rapazas disfrutaran da experiencia. E, especialmente, a Liliana por acompañalos e coidar deles como só unha nai pode facer.

martes, 18 de marzo de 2014

De contos con Raquel!


Desta maneira comezou  esta mañá Raquel Queizás a súa actuación no cole: enganchando!  E así foi ata o remate do espectáculo. Non había máis que mirar as caras de ledicia dos nenos e nenas e, por que non dicilo, aos non tan nenos.

En definitiva, unha sesión de contacontos do máis ameno e entretido que fixo felices por unha hora aos que alí estabamos.



Desde a ANPA queremos agradecer ao cole por permitirnos desenvolver esta actividade en horario lectivo co fin de que todos os nenos e nenas puideran disfrutala.

mércores, 12 de marzo de 2014

Contacontos: Raquel Queizás!

O próximo martes 18 de marzo ás 12:30 horas recibiremos a visita da contacontos ourensá Raquel Queizás co seu espectáculo A Maleta da Avoa.  Unha maleta chea de recordos, de pequenos tesouros e, sobre todo, de historias.


A actividade, á que estades convidadas todas as familias, vai dirixida a todo o alumnado do centro e está organizada e financiada pola ANPA.
Agardamos que sexa do voso interese!