As aulas da nosa escola volven abrir as súas portas,
empeza un curso novo, outra etapa, chea
de retos, e a directiva da Anpa quere lembrarvos que estamos aquí para
acompañarvos neste camiño emocionante das vidas dos nosos pequenos e pequenas.
Imaxe das obras realizadas este verán e financiadas polo Concello da Estrada |
Este ano empezamos con parabéns para todos e todas. Grazas
á unión e ao traballo conxunto de toda a comunidade educativa, por fin o
alumnado pode pasar dun edificio ao outro sen mollarse cando chove. Despois dun
proceso longo, xa hai tellado no acceso que comunica os dous espazos, unha
vella reivindicación desta escola, e particularmente desta Anpa. Así que
inauguramos curso académico coa satisfacción de ver cumprida unha das peticións
históricas do centro.
Tamén queremos comunicarvos que segue en funcionamento o noso
Banco de Libros. Propoñémosvos que continuedes colaborando na xestión deste
intercambio, que tantas familias leva beneficiado no tempo que leva en marcha
esta iniciativa. Falamos de vantaxes económicas, por suposto, pero tamén de
vantaxes educativas e de concienciación para os cativos, da lección que
compartimos con eles sobre a necesidade de coidar o material, de ser
responsables coas súas cousas, e do importante que é saber compartir o que se
ten, de ser xeneroso cos demais. A solidariedade como materia extra-curricular.
Ademais, a Anpa seguirá organizando actividades
extraescolares. En poucos días irémosvos consultando sobre as vosas
preferencias, e informarémosvos de prezos e horarios. Por suposto,
continuaremos colaborando nos festexos escolares nos que as familias teñamos
cabida.
Que teñades todos e todas un curso marabilloso!
Ningún comentario:
Publicar un comentario