Amosando publicacións coa etiqueta Benvida. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Benvida. Amosar todas as publicacións

luns, 12 de setembro de 2016

Benvidos ao curso 2016/2017!


As nosas nenas e nenos volven ás aulas un curso máis, cheo de retos, de estímulos, de xogos e de experiencias. Neste percorrido eles e elas, os cativos, son os protagonistas, pero dende as casas as súas familias tamén os acompañamos neste camiño.
Para facelo xuntos, propoñémosvos que a ANPA sexa o noso punto de encontro común, onde sexa doado comunicarnos e axudarnos ante calquera obstáculo.


E para mellorar esa comunicación entre todos e todas, tedes, ademais deste blogue ou do correo electrónico (anpaouteirodevea@gmail.com) unha nova ferramenta: a nosa páxina do Facebook. Podes acceder a ela premendo na icona da dereita ou, simplemente, escribindo ANPA Outeiro de Vea no buscador.
Ah!! Non esquezas darlle ao Gústame

venres, 11 de setembro de 2015

Benvidos ao curso 2015/2016


As aulas da nosa escola volven abrir as súas portas, empeza un curso novo, outra etapa,  chea de retos, e a directiva da Anpa quere lembrarvos que estamos aquí para acompañarvos neste camiño emocionante das vidas dos nosos pequenos e pequenas.

Imaxe das obras realizadas este verán
e financiadas polo Concello da Estrada
Este ano empezamos con parabéns para todos e todas. Grazas á unión e ao traballo conxunto de toda a comunidade educativa, por fin o alumnado pode pasar dun edificio ao outro sen mollarse cando chove. Despois dun proceso longo, xa hai tellado no acceso que comunica os dous espazos, unha vella reivindicación desta escola, e particularmente desta Anpa. Así que inauguramos curso académico coa satisfacción de ver cumprida unha das peticións históricas do centro.


Tamén queremos comunicarvos que segue en funcionamento o noso Banco de Libros. Propoñémosvos que continuedes colaborando na xestión deste intercambio, que tantas familias leva beneficiado no tempo que leva en marcha esta iniciativa. Falamos de vantaxes económicas, por suposto, pero tamén de vantaxes educativas e de concienciación para os cativos, da lección que compartimos con eles sobre a necesidade de coidar o material, de ser responsables coas súas cousas, e do importante que é saber compartir o que se ten, de ser xeneroso cos demais. A solidariedade como materia extra-curricular.


Ademais, a Anpa seguirá organizando actividades extraescolares. En poucos días irémosvos consultando sobre as vosas preferencias, e informarémosvos de prezos e horarios. Por suposto, continuaremos colaborando nos festexos escolares nos que as familias teñamos cabida.

Que teñades todos e todas un curso marabilloso!

mércores, 10 de setembro de 2014

Benvid@s ao curso 2014/2015!


Os nenos e as nenas volven ás aulas da nosa Escola. Empeza un curso novo, con retos novos, e con outros do pasado xa conseguidos. 

Este ano o alumnado accederá ao centro dun xeito moito máis seguro. O colexio estrea aparcadoiro para autobuses, de maneira que os rapaces e as rapazas xa non terán que baixar ou subir ao bus polo lado da estrada. Unha meta acadada, por fin, despois de moitos anos de reclamacións, conversas e peticións, por parte da Escola, e, moi especialmente, da ANPA. É o froito dun traballo conxunto de toda a comunidade educativa, que sen a insistencia das familias nunca se conseguiría. Grazas a todos, e parabéns pola unidade.

Obras do novo aparcadoiro

Este fito é un exemplo do que podemos conseguir se camiñamos co mesmo obxectivo: axudar, na medida das nosas posibilidades, para que a nosa Escola sexa mellor. E por ese obxectivo seguiremos a traballar.

Nos vindeiros días iremos informando das nosas propostas para o curso que empeza. Agardamos, unha vez máis, a colaboración de tod@s!.








venres, 13 de setembro de 2013

Circular de benvida ás familias

Hoxe 13 de setembro recibiredes nos vosos domicilios unha circular na que, ademais de presentarse a nova xunta directiva, infórmase dos proxectos e actividades que temos en mente desenvolver ao longo do curso: carné de socio, banco de libros, actividades extraescolares... 
Ademais, incluímos unha folla anexa na que se especifican os establecementos comerciais que colaboran coa ANPA ofrecendo descontos e promocións aos socios.
Podes ver a comunicación, premendo aquí.

Así será o carné de socio da ANPA

Por último, lembrade que haberá quendas dos membros da xunta directiva ata o 11 de outubro para que poidades pagar persoalmente a cota, apuntarvos ás actividades ou aclarar calquera dúbida que vos xorda.

Ditas quendas serán no local da ANPA de luns a venres de 9:00 a 9:30  e os martes de 16:00 a 17:00 horas.

Son 15 euros ao ano que para @s nos@s fill@s supoñen moito.
FAITE SOCIO!

mércores, 11 de setembro de 2013

Benvid@s ao curso 2013/2014


Un ano máis as aulas co cole abríronse de par en par para recibir aos nosos nenos e nenas. Despois das merecidas vacacións de verán, chega a hora de volver á rutina diaria e enfrontarse ao novo curso con toda a enerxía! Agárdannos meses de tarefas, actividades e moita diversión!

Desde aquí queremoslle dar a benvida especialmente aos nenos e nenas que se incorporan ao noso cole e aos seus pais e nais, animándoos a participar e colaborar nas distintas actividades organizadas pola ANPA. Nos vindeiros días farémosvos chegar toda a información!!

Polo de pronto e, por se hai algún despistad@, deixámosvos as seguintes ligazóns coa información que os titores e titoras vos foron dando durante estes días:

luns, 9 de setembro de 2013

Ola a tod@s!

Benvidos ao blogue da ANPA Outeiro de Vea do CEIP Manuel Villar Paramá.


Agardamos que este novo vehículo de comunicación coas familias sexa de utilidade para todos vós e permita mantervos informados non só de todas as actividades, proxectos ou iniciativas levadas a cabo desde a ANPA, senón de todos aqueles aspectos que, dunha maneira ou doutra, estean relacionados co funcionamento do noso
cole.

Por suposto, queremos pedirvos a vosa colaboración para convertir este espazo nun lugar dinámico e produtivo polo ben dos nosos fillos e fillas.