luns, 4 de maio de 2015

Cores con Marta Ortiz

Esta mañá recibimos a visita de Marta Ortiz, da Tropa de Trapo, que nos representou o seu espectáculo Cores; a historia de Lila unha nena cuxos soños pasan do branco e negro ás cores máis marabillosas grazas á axuda da súa avoa e do seu libro de contos,

Case tres cuartos de hora de espectáculo no que os nenos e nenas do Villar Paramá disfrutaron da maxia dos contos!  Velaquí vos deixamos algunha das imaxes...



Estas actividade foi organizada e financiada pola ANPA.

venres, 24 de abril de 2015

Contacontos: A Tropa de Trapo

O vindeiro luns 4 de maio ás 12:10 horas visitará o noso colexio Marta Ortiz de A Tropa de Trapo para representar o seu espectáculo Cores.


A actividade, que está organizada e financiada pola ANPA, irá dirixida a todo o alumnado do centro e a todas as familias que desexen asistir.



SINOPSE


Na casa de Violeta ultimamente hai bastantes problemas. Tantos que Violeta, seu pai e súa nai teñen que deixar a súa casa e ir á da avoa. Pero o peor aínda estaba por chegar.  Unha noite Violeta, metida na cama con súa avoa, comeza a soñar en branco e negro. Os seus soños quedaran sen cores! Menos mal que alí estaba a avoa e un vello libro cheo de cores e de contos para soñar, rir e volver a crer que os problemas teñen solucións e os nosos soños poden ter todas as cores que queiramos.

xoves, 26 de febreiro de 2015

Encontros Dinámicos de Educación en Positivo


A ANPA, en colaboración coas demais Asociacións de Pais e Nais dos colexios e institutos do Concello (FESANPAS) organiza uns Encontros Dinámicos de Educación en Positivo dirixidos ao colectivo de pais e nais.

No caso de infantil e primaria, ditas charlas terán lugar en horario e 20:00 a 22:00 horas no MOME e versarán sobre os temas que se indican:
  • Luns 9 de Marzo   " Autoridade na casa ou necesidade de puntos de referencia? "
  • Luns 20 de Abril   " Como mellorar a conduta no colexio, na casa..."
  • Luns 25 de Maio   " Dámoslle unha paga? Educar en responsabilidade "

venres, 20 de febreiro de 2015

Festival de Entroido

Xa podedes ver todas as fotos do festival de Entroido que se celebrou o pasado venres na páxina web do cole! Se queredes acceder a elas directamente, só tedes que premer na imaxe!

E lembrade que no último  Xornal da ANPA do curso recibiredes, como no curso pasado, un DVD coa gravación íntegra de todas as actuacións dos vosos fillos e fillas!!!

mércores, 11 de febreiro de 2015

III Certame de Relato Curto

Está en marcha o III Certame de Relato Curto organizado por FANPAS, federación de ANPAS da provincia de Pontevedra, dirixido ao alumnado de primaria e secundaria.
Desde a xunta directiva da ANPA Outeiro de Vea convidamos a que animedes aos vosos fillos e fillas a participar neste concurso. As bases do mesmo recibístelas a semana pasada nos vosos domicilios pero, por se hai algún despistad@, podedes consultalas na seguinte ligazón: BASES

Tedes de prazo ata o 28 deste mes!

xoves, 6 de novembro de 2014

Eleccións ao Consello Escolar

O vindeiro martes 25 de novembro hai eleccións ao Consello Escolar, un órgano no que se toman decisións fundamentais para os nosos nenos e nenas. Por iso é tan importante que a voz das nais e dos pais se poida oír nese foro. E por iso dende a Anpa queremos animarvos a participar. Todos vós podedes ser candidatos. Para presentarvos, só debedes cubrir un documento que vos facilitarán na Secretaría do Centro. Tedes de prazo ata o mércores 12 de novembro ás 14 horas.
As familias do Centro teñen ao seu dispor cinco prazas no Consello Escolar. E neste momento están vacantes tres; unha delas cunha duración de catro anos, e as outras dúas por dous anos. É moi importante cubrilas. Se non fose así, esas cadeiras quedarían baleiras, e o próximo curso estariamos xa sen representación ningunha agás o representante da Anpa. As familias podemos, e debemos, implicarnos no funcionamiento do Centro e na educación dos nosos fillos e fillas. Xunto con todo o profesorado, que traballa día a día con eles, temos que ser os primeiros interesados en involucrármonos na nosa Escola. Tamén é a nosa responsabilidade. Sobre todo cando custa tan pouco como asistir e participar nas tres ou catro xuntanzas anuais que se celebran.
Grazas por anticipado pola vosa colaboración. Entre todos poderemos sumar máis.

venres, 10 de outubro de 2014

Carné de socio

Hoxe enviámosvos por medio dos vosos fillos e fillas un sobre pechado co carné de socio da ANPA co cal tedes dereito a unha serie de descontos en distintos establecementos comerciais que colaboran connosco.


Lembrade que ditos descontos non son acumulables a outras ofertas e que é preciso presentar o DNI para poder favorecervos das ofertas.

Premendo AQUÍ  teredes toda a información sobre as ofertas de cada comercio colaborador.