xoves, 6 de novembro de 2014

Eleccións ao Consello Escolar

O vindeiro martes 25 de novembro hai eleccións ao Consello Escolar, un órgano no que se toman decisións fundamentais para os nosos nenos e nenas. Por iso é tan importante que a voz das nais e dos pais se poida oír nese foro. E por iso dende a Anpa queremos animarvos a participar. Todos vós podedes ser candidatos. Para presentarvos, só debedes cubrir un documento que vos facilitarán na Secretaría do Centro. Tedes de prazo ata o mércores 12 de novembro ás 14 horas.
As familias do Centro teñen ao seu dispor cinco prazas no Consello Escolar. E neste momento están vacantes tres; unha delas cunha duración de catro anos, e as outras dúas por dous anos. É moi importante cubrilas. Se non fose así, esas cadeiras quedarían baleiras, e o próximo curso estariamos xa sen representación ningunha agás o representante da Anpa. As familias podemos, e debemos, implicarnos no funcionamiento do Centro e na educación dos nosos fillos e fillas. Xunto con todo o profesorado, que traballa día a día con eles, temos que ser os primeiros interesados en involucrármonos na nosa Escola. Tamén é a nosa responsabilidade. Sobre todo cando custa tan pouco como asistir e participar nas tres ou catro xuntanzas anuais que se celebran.
Grazas por anticipado pola vosa colaboración. Entre todos poderemos sumar máis.

venres, 10 de outubro de 2014

Carné de socio

Hoxe enviámosvos por medio dos vosos fillos e fillas un sobre pechado co carné de socio da ANPA co cal tedes dereito a unha serie de descontos en distintos establecementos comerciais que colaboran connosco.


Lembrade que ditos descontos non son acumulables a outras ofertas e que é preciso presentar o DNI para poder favorecervos das ofertas.

Premendo AQUÍ  teredes toda a información sobre as ofertas de cada comercio colaborador.

venres, 26 de setembro de 2014

Actividades Extraescolares Curso 2014/2015


Unha vez feito o reconto das vosas peticións de actividades extraescolares para o curso que acaba de empezar, a continuación mostramos o cadro completo das que, finalmente, se desenvolverán. Lamentablemente, nin xadrez, nin inglés, nin teatro tiveron a suficiente acollida como para formar grupo. 

Por suposto, calquera nen@ que aínda queira anotarse nestas actividades está a tempo; tan só tedes que poñervos en contacto connosco para incluíl@s na listaxe definitiva de inscritos.  De feito, na actividade de judo, o número de inscritos está moi no límite dos mínimos esixidos polos responsables da actividade; neste senso, o primeiro día da actividade (mércores 1 de outubro) celebrarase unha xornada de portas abertas para que os nenos e nenas (e as familias) coñezan de primeira man a actividade.  Animádevos a participar!



O cadro completo da oferta sería:


LUNS    Inicio das clases 6 de outubro
  • NATACIÓN    Piscina da Ramallosa (17:45 a 18:30)  PRAZAS ADXUDICADAS
  • NATACIÓN    Piscina da Estrada  (17:15 a 18:00)  Quedan catro prazas por cubrir.
O cobro desta actividade realizarase a semana que vén no local da ANPA nas quendas habituais.

MARTES   Inicio das clases 7 de Outubro
  • MANUALIDADES (16:00 a 17:15) no local da ANPA

MÉRCORES     Inicio das clases 1 de Outubro
  • JUDO (16:00 a 17:00) no pavillón do colexio
  • INFORMÁTICA (16:00 A 17:00) na aula de informática do colexio
XOVES         Inicio das clases 2 de Outubro
  • FÚTBOL (16:30 A 18:00) no pavillón do colexio

venres, 19 de setembro de 2014

Oferta Actividades Extraescolares Curso 2014/2015


Xa recibístes nos vosos domicilios a circular con toda a información das actividades extraescolares que desde a ANPA ofertamos de cara o curso que acaba de comezar.
O cadro completo da oferta sería:

LUNS    

  • NATACIÓN    Piscina da Ramallosa (17:45 a 18:30)  PRAZAS ADXUDICADAS
  • NATACIÓN    Piscina da Estrada  (17:15 a 18:00)  Quedan catro prazas por cubrir. En caso de estar interesados, facédenolo saber o máis rapidamente posible para notificalo antes de que as cubran con outros coles ou asociacións.
MARTES   
  • MANUALIDADES (quendas a partir das 16:00) Dirixido a todo o alumnado
  • TEATRO (16:00 a 17:30)  Dirixido ao alumnado de Primaria
MÉRCORES
  • JUDO (16:00 a 17:00)  Dirixido a todo o alumnado
  • INFORMÁTICA (16:00 A 17:00) Dirixido ao 2º e 3º ciclo de primaria
XOVES
  • FÚTBOL (16:30 A 18:00) Dirixido ao alumnado de primaria
  • INGLÉS (16:00 a 17:00) Dirixido ao alumnado de Infantil e 1º de primaria
  • XADREZ (16:00 a 17:00) Dirixido ao alumnado de primaria

Tedes ata o vindeiro MÉRCORES 24 DE SETEMBRO para facernos chegar as vosas peticións co fin de poder pechar o calendario definitivo da actividades.

martes, 16 de setembro de 2014

Xuntanza informativa

Mañá mércores 17 de setembro ás 20:30 horas están convocadas a unha xuntanza coa xunta directiva da ANPA as familias dos nenos e nenas de 3 anos que comezan a súa andaina no noso colexio. 


Con esta reunión pretendemos, ademais de darlle a benvida, informalos do funcionamento da asociación, os proxectos e actividades que desenvolvemos e, como non, ofrecerlle a nosa colaboración sempre que o precisen.

Agardámosvos! 

venres, 12 de setembro de 2014

Actividade extraescolar: Natación

Como xa vos informamos na circular enviada aos vosos domicilios, para este curso temos dúas piscinas interesadas en colaborar connosco para impartir os cursos de natación cos seguintes horarios:


  •       Piscina da Estrada: luns de 17:15 a 18:00

  •       Piscina da Ramallosa: luns de 17:45 a 18:30





Como as prazas e os prazos son limitadas, cómpre que anotedes aos vosos fillos e fillas canto antes pasando polo local da ANPA o luns 15, martes 16 e mércores 17 en horario de 9:00 a 9:30 ou o martes 16 en horario de 16:00 a 16:30. 

En caso de que o número de solicitudes sexa maior ao número de prazas ofertadas, levarase a cabo un sorteo público das prazas que terá lugar o vindeiro mércores 17 de setembro ás 20:00 no local da ANPA.


Lembrade que para poder anotarse a calquera actividade extraescolar é IMPRESCINDIBLE ser socio da ANPA e estar ao corrente do pago da cota anual de 15 euros.

mércores, 10 de setembro de 2014

Benvid@s ao curso 2014/2015!


Os nenos e as nenas volven ás aulas da nosa Escola. Empeza un curso novo, con retos novos, e con outros do pasado xa conseguidos. 

Este ano o alumnado accederá ao centro dun xeito moito máis seguro. O colexio estrea aparcadoiro para autobuses, de maneira que os rapaces e as rapazas xa non terán que baixar ou subir ao bus polo lado da estrada. Unha meta acadada, por fin, despois de moitos anos de reclamacións, conversas e peticións, por parte da Escola, e, moi especialmente, da ANPA. É o froito dun traballo conxunto de toda a comunidade educativa, que sen a insistencia das familias nunca se conseguiría. Grazas a todos, e parabéns pola unidade.

Obras do novo aparcadoiro

Este fito é un exemplo do que podemos conseguir se camiñamos co mesmo obxectivo: axudar, na medida das nosas posibilidades, para que a nosa Escola sexa mellor. E por ese obxectivo seguiremos a traballar.

Nos vindeiros días iremos informando das nosas propostas para o curso que empeza. Agardamos, unha vez máis, a colaboración de tod@s!.