xoves, 4 de xuño de 2015

JUDOLAND 2015

Por primeira vez desde que o judo forma parte das actividades extraescolares xestionadas pola ANPA, desde JUDO COMPOSTELA propuxéronnos cambiar o habitual campionato por unha xornada lúdica, a modo de festival fin de curso, na que o deporte do judo estivese acompañado por inchables, música e xogos. 
Non cabe dúbida que un dos grandes luxos que temos no noso colexio son as marabillosas instalacións cheas de verde das que dispoñemos, polo que non nos podiamos  negar (grazas ao centro pola súa colaboración ante a proposta). Así, desde as catro da tarde os nenos e nenas das familias asociadas á ANPA puideron disfrutar dunha tarde diferente chea de diversión, xogos e risas...




...pero, por suposto, tamén houbo momento para o judo. Nenos e nenas doutros centros nos que se practica esta actividade achegáronse ao noso cole para levar a cabo unha clase-exhibición deste deporte e facer as delicias dos seus familiares.




Grazas a David e a JUDO Compostela polo seu compromiso e bo facer e a todos os que fixeron posible esta festa! Agardamos que a disfrutarades!

luns, 1 de xuño de 2015

Excursión ao Grove

Onte domingo foi un día especial para as familias da ANPA Outeiro de Vea xa que por primeira vez organizabamos unha excursión a modo de xornada de convivencia familiar. A experiencia, ademais de colmar as nosas expectativas, coidamos que deixou un bo sabor de boca entre os participantes.


O destino escollido foi a península do Grove e alí, a pesares de que a metereoloxía case nos xoga unha mala pasada, puidemos desenvolver o programa previsto: visita ao Acuario, subida ao mirador de Siradella, viaxe en catamarán e visita á illa da Toxa.

Estas son algunha das imaxes que forman a reportaxe fotográfica da xornada!


SE NON PODEDES VER AS FOTOS PREMEDE AQUÍ

luns, 4 de maio de 2015

Cores con Marta Ortiz

Esta mañá recibimos a visita de Marta Ortiz, da Tropa de Trapo, que nos representou o seu espectáculo Cores; a historia de Lila unha nena cuxos soños pasan do branco e negro ás cores máis marabillosas grazas á axuda da súa avoa e do seu libro de contos,

Case tres cuartos de hora de espectáculo no que os nenos e nenas do Villar Paramá disfrutaron da maxia dos contos!  Velaquí vos deixamos algunha das imaxes...



Estas actividade foi organizada e financiada pola ANPA.

venres, 24 de abril de 2015

Contacontos: A Tropa de Trapo

O vindeiro luns 4 de maio ás 12:10 horas visitará o noso colexio Marta Ortiz de A Tropa de Trapo para representar o seu espectáculo Cores.


A actividade, que está organizada e financiada pola ANPA, irá dirixida a todo o alumnado do centro e a todas as familias que desexen asistir.



SINOPSE


Na casa de Violeta ultimamente hai bastantes problemas. Tantos que Violeta, seu pai e súa nai teñen que deixar a súa casa e ir á da avoa. Pero o peor aínda estaba por chegar.  Unha noite Violeta, metida na cama con súa avoa, comeza a soñar en branco e negro. Os seus soños quedaran sen cores! Menos mal que alí estaba a avoa e un vello libro cheo de cores e de contos para soñar, rir e volver a crer que os problemas teñen solucións e os nosos soños poden ter todas as cores que queiramos.

xoves, 26 de febreiro de 2015

Encontros Dinámicos de Educación en Positivo


A ANPA, en colaboración coas demais Asociacións de Pais e Nais dos colexios e institutos do Concello (FESANPAS) organiza uns Encontros Dinámicos de Educación en Positivo dirixidos ao colectivo de pais e nais.

No caso de infantil e primaria, ditas charlas terán lugar en horario e 20:00 a 22:00 horas no MOME e versarán sobre os temas que se indican:
  • Luns 9 de Marzo   " Autoridade na casa ou necesidade de puntos de referencia? "
  • Luns 20 de Abril   " Como mellorar a conduta no colexio, na casa..."
  • Luns 25 de Maio   " Dámoslle unha paga? Educar en responsabilidade "

venres, 20 de febreiro de 2015

Festival de Entroido

Xa podedes ver todas as fotos do festival de Entroido que se celebrou o pasado venres na páxina web do cole! Se queredes acceder a elas directamente, só tedes que premer na imaxe!

E lembrade que no último  Xornal da ANPA do curso recibiredes, como no curso pasado, un DVD coa gravación íntegra de todas as actuacións dos vosos fillos e fillas!!!

mércores, 11 de febreiro de 2015

III Certame de Relato Curto

Está en marcha o III Certame de Relato Curto organizado por FANPAS, federación de ANPAS da provincia de Pontevedra, dirixido ao alumnado de primaria e secundaria.
Desde a xunta directiva da ANPA Outeiro de Vea convidamos a que animedes aos vosos fillos e fillas a participar neste concurso. As bases do mesmo recibístelas a semana pasada nos vosos domicilios pero, por se hai algún despistad@, podedes consultalas na seguinte ligazón: BASES

Tedes de prazo ata o 28 deste mes!